Monday 29 de April de 2024

A Xunta abre unha nova edición do programa ReAcciona para que as pemes mellores a súa competitividade co apoio de expertos


— A liña conta cun orzamento de 2,8 M€ para facilitar o acceso a servizos de alto valor engadido en ámbitos como a profesionalización, o desenvolvemento estratéxico e a innovación

— O programa incorpora este ano novos eidos de actuación entre os que destacan o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais, a captación e xestión do talento e a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza

— A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, cobre o 80% do custo da actuación, tendo as empresas ata 13 servizos distintos á súa disposición

A Xunta de Galicia vén de abrir unha nova edición do programa ReAcciona, que permitirá apoiar con 2,8 millóns de euros a posta en marcha de proxectos centrados na mellora da competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos.

Este orzamento, que suporá a mobilización de máis de 3,5 millóns, impulsará servizos en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos. E tamén en eidos relacionados coa profesionalización e o desenvolvemento estratéxico, como a mellora da xestión financeira ou a optimización dos procesos de produción, entre outros.

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, cobre o 80% do custo do servizos para as pemes, e o prazo de presentación de solicitudes de axuda, en concorrencia non competitiva, comezará o día 1 de abril, podendo solicitarse servizos ata o 15 de novembro.

Entre as principais novidades deste ano, o programa incorpora a prestación de servizos en catro eidos de actuación: o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento ou a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza.

No desenvolvemento do programa colaboran o Instituto Galego de Promoción Económica e a Axencia Galega de Innovación, poñendo a disposición das pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial, debendo as empresas que queiran optar a estas axudas ter un mínimo de 3 persoas traballadoras.

As actuacións levadas a cabo no marco do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.